INVERSA TEATRO PRESENTA KAMOURASKA EN COMPOSTELA
As representacións serán o 3 e o 4 de Marzo ás 21.00 horas na Sala Santart
Kamouraska é un lugar mental no que as súas tres habitantes (entre humanas e caninas) teñen a posibilidade de reinventar un universo con regras propias no que o xogo é rirse da infelicidade para ser feliz. O desequlibrio entre a necesidade e a imposibilidade de amar, de pertencer a un lugar e de soñar, dá pé a un espectáculo de corte contemporáneo e carácter asociativo que procura o riso como vía de escape ante o violento acto de existir. Pensada como unha comedia cruel dentro dunha traxedia subterránea, Kamouraska ofrece once embates percorridos de excentricidade, elementos grotescos e desenfadados que desembocan nun cambio de pel das actrices en escena.
Inversa Teatro
Inversa Teatro é unha compañía de teatro profesional fundada en 2009 por Marta Pérez e que xa conta con catro producións nun exemplo de incesante actividade. A aposta polos novos creadores e creadoras, a posta en valor do feminino e a convivencia de diferentes linguaxes nos seus proxectos son algunhas das claves de Inversa que, despois de Expostas, A illa das mulleres loucas e Kamouraska vén de estrear Paper Dolls: un espectáculo escrito e dirixido por Lola Correa que inclúe o documental Paper Dolls.doc sobre o proceso creativo da peza e que conta coa dirección de Manu Paz.
Outras datas para descubrir a Inversa:
Kamouraska: 23, 24 e 25 de Marzo na Sala Arte Livre de Vigo
Expostas + Kamouraska: Festival Aveiro Cultura 2012, do 1 ó 10 de Abril, Aveiro- Portugal.
Kamouraska: Mostra Latinoamericana de Teatro de Grupo en São Paulo. Do 24 ó 30 de Abril, São Paulo- Brasil.
Paper Dolls: Festival de Teatro Contemporáneo Zaragoza-Co, 5 e 6 de Maio en Teatro de la Estación, Zaragoza.
A xira nacional e internacional NON conta coa axuda da Agadic.
Pronto esperamos confirmar máis datas.
Tés máis info en www.inversateatro.com
No hay comentarios:
Publicar un comentario