Mostrando entradas con la etiqueta Paper Dolls. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Paper Dolls. Mostrar todas las entradas

viernes, 9 de marzo de 2012

Nova Crítica para Paper Dolls

Paper Dolls recibe unha nova crítica no xornal Praza Pública. Por Roi Vidal.

Bonecas de papel, cousas de mulleres e un humor que doe

Paper Dolls
Inversa Teatro
Dir: Lola Correa
Int: Vanesa Sotelo, Marta Pérez
As últimas tempadas están a confirmar a forza creativa e renovadora das propostas femininas. Se co final de Matarile se pechaba unha etapa na que Ana Vallés rivalizaba no estético con Ánxeles Cuña, hoxe o número de compañías capitaneadas por mulleres é considerable e decanta o teatro en feminino á tendencia máis anovadora do noso teatro (o posdrama), e viceversa.
Paper Dolls comeza cunha actriz limpando o patio de butacas e esta intención hixiénica vai ser do máis valioso da representación. A obra, que se propón deconstruír algúns tópicos sobre o feminino, serve para limpar unha serie de inercias ideolóxicas respecto do lugar que ocupan as mulleres na sociedade. A base de sketches e cun código herdeiro do conceptual art e da performance, Vanesa Sotelo e Marta Pérez van deitando, con crueis doses dun humor próximo á sátira social, as súas visións críticas sobre os roles femininos na sociedade de consumo. Destaca, neste ataque, a efectividade dun momento da representación, no que as dúas actrices se enlean nun combate de boxeo mentres destripan as intencións ocultas da publicidade dirixida ás mulleres. O momento condensa toda a obra dentro de si, coa violencia e a estilización en plena loita dialéctica.
A referencia á cultura popular (a urbana, é dicir, a creada por e para os mass media) sérvelles como áncora desde a que lanzar as súas verdades coma puños. Os corpos das actrices sométense a un duro traballo de descomposición que evoca a materialidade das bonecas ás que fai referencia o título, e de paso, provoca un forte efecto de distanciamento. Pérez destaca na súa maneira, única e maliciosa, de dicir as frases, mentres que Sotelo se confirma como unha auténtica controladora do movemento. O estilo interpretativo, porén, a camiño entre a biomecánica máis estilizada e o surrealismo máis liberador, non acaba de casar coa xa típica fórmula segundo a cal temos que pensar que desaparecen as personaxes sempre que as actrices se chamen polo seu nome real. Deixando a un lado o debate sobre a posibilidade de eliminar o personaxe-ficción do teatro, o certo é que non acaban de conseguir o que dito recurso pretende, que non é outra cousa que causar a impresión de non estaren a actuar. Demostran, así, que non é tan doado iso de se representaren a si mesmas.
É de destacar o traballo que efectúa Lola Correa cos corpos e o espazo a partir da idea do espello, concepto que domina toda a produción, desde o cartel até a escenografía, e que ten a súa tradución teatral máis interesante no xogo de simetrías establecido entre Sotelo e Pérez. Correa divide a peza en dúas metades, da que a primeira sae claramente desfavorecida ao estar condensada nela toda a carga textual. Esta primeira metade vai contrapunteada pola lectura dun arcaico manual técnico sobre o órgano reprodutor feminino e os seus adecuados usos, cousa que celebramos desde un sentido do humor cerebral e inglés, mais que non contribúe a contrarrestar a lentitude da que adoece a primeira parte.

Por sorte, a peza despega na segunda metade, en grande medida grazas á aparición da música, hortera e cursi adrede (espazo sonoro de Juan Hernández), e á creación dun mundo ironicamente rosa que lle aporta a peza o ritmo que precisaba. Coa aparición do espello chegamos a un lugar cheo de símbolos que se cadra poderían ter dado algo máis de si. En todo caso, certo gusto camp envolve o escenario nunha atmosfera de gomiña de mascar caducada a través da cal chegamos á enunciación de coñecidas letras de cancións pop que, polo mero feito de seren recitadas, chaman a atención sobre a súa propia misoxinia.
A obra acada o que procura cando é máis fiel a si mesma, é dicir, cando fai prevalecer o aspecto visual e sensitivo sobre o verbal e conceptual. O descoidado aspecto do espazo escénico non axuda a conseguilo. Aínda que sería inxusto dicir que cada metade favorece un hemisferio, xa que o conceptual está sempre apoiado polo seu subliñado teatral correspondente, o certo é que un equilibrio entre os dous polos tería contribuído a afianzar o que a obra quere transmitir.
Paradoxalmente, o remate da peza dá paso ao máis novidoso da mesma: un documental entrañable (Manu Paz) sobre o proceso de creación de Paper Dolls no que se lle dá o protagonismo á directora e que, alén do seu interese como testemuño do esforzo que comporta a realización de calquera proxecto teatral, deixa unha dúbida (ou un medo?) sobre a facilidade da arte da montaxe de fotogramas para chegar dunha maneira máis fluída có teatro alí onde se propoña, por moi lamacento e incómodo que sexa este lugar.

lunes, 23 de enero de 2012

Crítica de Paper Dolls na Revista Tempos Novos por Inma López Silva

DE MULLERES E DE INTELIXENTES // DE MUJERES Y DE INTELIGENTES

 Por Inma López Silva en Revista Tempos Novos

Estupenda crítica teatral na Revista Tempos Novos sobre Paper Dolls , a última producción de Inversa Teatro, dirixida por Lola Correa, con Marta Pérez e Vanesa Sotelo como actrices e con Manu Paz, Adrián Figueroa, Carla Piñeiro e Sara Iglesias no documental Paper Dolls.doc 


Estupenda crítica teatral en la Revista Tempos Novos sobre Paper Dolls , la última producción de Inversa Teatro, dirigida por Lola Correa, con Marta Pérez y Vanesa Sotelo como actrices y con Manu Paz, Adrián Figueroa, Carla Piñeiro y Sara Iglesias en el documental Paper Dolls.doc




sábado, 8 de octubre de 2011

Paper Dolls seleccionada na Mostra das Artes Escénicas de Galicia

Inversa Teatro foi seleccionada para amosar un showcase de Paper Dolls na Mostra das Artes Escénicas de Galicia. O acto terá lugar o día 17 de Outubro ás 22h. no Salón Teatro de Santiago de Compostela. Paper Dolls é un proxecto experimental que aúna a obra teatral que leva o mesmo título e que dirixe Lola Correa, e o documental Paper Dolls doc. que está dirixido polo realizador Manu Paz.

Inversa Teatro ha sido seleccionada para mostrar un showcase de Paper Dolls en la Mostra das Artes Escénicas de Galicia. El acto tendrá lugar el día 17 de Octubre a las 22h. en el Salón Teatro de Santiago de Compostela. Paper Dolls es un proyecto experimental que aúna la obra teatral que lleva el mismo título y que dirige Lola Correa, y el documental Paper Dolls doc. que está dirigido por el realizador Manu Paz.

sábado, 23 de julio de 2011

Vanesa Sotelo gaña o Premio Abrente de Textos Teatrais


A dramaturga Vanesa Sotelo, recentemente premiada con el XIII Premio Josep Robrenyo en Cataluña e o IV premio de Teatro Radiofónico Diario Cultural acaba de recibir o 6º premio Abrente de Textos Teatrais coa peza “Campo de Covardes”.
O xurado composto pola profesora Dolores Vilavedra, o actor Jouse García, o crítico teatral Manuel Xestoso e o director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT), Roberto Pascual, concedeu por unanimidade o 6º Premio Abrente de Textos Teatrais a Campo de Covardes, de Vanesa Sotelo. O xurado destacou "a eficacia dramática, a calidade do texto e a capacidade tan grande e xenerosa que a peza lle concede ao posterior traballo actoral". A peza será editada na colección Abrente de textos teatrais da editorial Difusora de Letras, Artes e Ideas. A autora recibirá unha estatuíña do artista Manuel Rodríguez Alonso (Sampedro) xunto a unha dotación económica de 3.000 euros que será entregada nun acto oficial o próximo mércores en Ribadavia.
Vanesa Sotelo é directora, actriz e autora teatral e aparece ligada á Compañía Inversa Teatro, para quen volve traballar como actriz na montaxe Paper Dolls, escrita e dirixida por Lola Correa e que será estreada o próximo setembro.

http://www.elpais.com/articulo/Galicia/Vanesa/Sotelo/gana/Abrente/Campo/covardes/elpepiautgal/20110723elpgal_12/Tes