martes, 20 de marzo de 2012

KAMOURASKA chega a Vigo

INVERSA TEATRO CHEGA A VIGO COA PEZA KAMOURASKA, ANTES DE VIAXAR A  BRASIL
As representacións serán o 23, 24 e 25 de Marzo  na Sala Arte Livre de Vigo
A Compañía ofrecerá ademáis, un coloquio sobre o proceso creativo e intercambio directo cos espectadores despois dunha das representacións.

A compañía Inversa Teatro presenta na Sala Arte Livre de Vigo a peza Kamouraska. Dirixida por Vanesa Sotelo e interpretada polas actrices Beatriz Campos, María Caparrini e Marta Pérez, Kamouraska poderá verse o venres 23 e sábado 24 ás 21:30 horas e o domingo ás 21 horas na Sala Arte Livre de Vigo.
Alén destas funcións que Inversa realizará nos días arriba sinalados, o venres 23 despois da representación, a Compañía ofrecerá unha mesa redonda sobre o proceso creativo e un intercambio directo cos espectadores que acaban de presenciar a función. Deste xeito Inversa Teatro, continúa apostando por aportar novas liñas que se extendan máis aló do campo meramente teatral e introduce nesta ocasión un aspecto pedagóxico para que o público poida atopar unha mellor comprensión sobre o universo creativo de Kamouraska.

Os aspectos a tratar neste coloquio serán os seguintes:

-Puntos de partida, erros-desvíos, descubertas.
-Claves para achegarse á rareza e excentricidade de Kamouraska.
-Personas-Personaxes. Visitando ás personaxes de Deusa, Jöelle e Djouki. Achegándose ás persoas-personaxes de Marta Pérez, María Caparrini e Beatriz Campos.
-Dramaturxia en Kamouraska: Orixe – Distanciamento – Apropiación – Selección – Ordenación.
-Escena e Violencia: Destapando as imposibilidades de Amar, Pertencer e Soñar.

+ INFO: WWW.INVERSATEATRO.COM

lunes, 12 de marzo de 2012

Entrevista con Vanesa Sotelo

Revista Don Galán. Entrevista con Vanesa Sotelo. Breve entrevista con una serie de dramaturgos emergentes, por Eduardo Pérez-Rasilla. Centro de Documentación Teatral.

 http://vimeo.com/38360747

viernes, 9 de marzo de 2012

Nova Crítica para Paper Dolls

Paper Dolls recibe unha nova crítica no xornal Praza Pública. Por Roi Vidal.

Bonecas de papel, cousas de mulleres e un humor que doe

Paper Dolls
Inversa Teatro
Dir: Lola Correa
Int: Vanesa Sotelo, Marta Pérez
As últimas tempadas están a confirmar a forza creativa e renovadora das propostas femininas. Se co final de Matarile se pechaba unha etapa na que Ana Vallés rivalizaba no estético con Ánxeles Cuña, hoxe o número de compañías capitaneadas por mulleres é considerable e decanta o teatro en feminino á tendencia máis anovadora do noso teatro (o posdrama), e viceversa.
Paper Dolls comeza cunha actriz limpando o patio de butacas e esta intención hixiénica vai ser do máis valioso da representación. A obra, que se propón deconstruír algúns tópicos sobre o feminino, serve para limpar unha serie de inercias ideolóxicas respecto do lugar que ocupan as mulleres na sociedade. A base de sketches e cun código herdeiro do conceptual art e da performance, Vanesa Sotelo e Marta Pérez van deitando, con crueis doses dun humor próximo á sátira social, as súas visións críticas sobre os roles femininos na sociedade de consumo. Destaca, neste ataque, a efectividade dun momento da representación, no que as dúas actrices se enlean nun combate de boxeo mentres destripan as intencións ocultas da publicidade dirixida ás mulleres. O momento condensa toda a obra dentro de si, coa violencia e a estilización en plena loita dialéctica.
A referencia á cultura popular (a urbana, é dicir, a creada por e para os mass media) sérvelles como áncora desde a que lanzar as súas verdades coma puños. Os corpos das actrices sométense a un duro traballo de descomposición que evoca a materialidade das bonecas ás que fai referencia o título, e de paso, provoca un forte efecto de distanciamento. Pérez destaca na súa maneira, única e maliciosa, de dicir as frases, mentres que Sotelo se confirma como unha auténtica controladora do movemento. O estilo interpretativo, porén, a camiño entre a biomecánica máis estilizada e o surrealismo máis liberador, non acaba de casar coa xa típica fórmula segundo a cal temos que pensar que desaparecen as personaxes sempre que as actrices se chamen polo seu nome real. Deixando a un lado o debate sobre a posibilidade de eliminar o personaxe-ficción do teatro, o certo é que non acaban de conseguir o que dito recurso pretende, que non é outra cousa que causar a impresión de non estaren a actuar. Demostran, así, que non é tan doado iso de se representaren a si mesmas.
É de destacar o traballo que efectúa Lola Correa cos corpos e o espazo a partir da idea do espello, concepto que domina toda a produción, desde o cartel até a escenografía, e que ten a súa tradución teatral máis interesante no xogo de simetrías establecido entre Sotelo e Pérez. Correa divide a peza en dúas metades, da que a primeira sae claramente desfavorecida ao estar condensada nela toda a carga textual. Esta primeira metade vai contrapunteada pola lectura dun arcaico manual técnico sobre o órgano reprodutor feminino e os seus adecuados usos, cousa que celebramos desde un sentido do humor cerebral e inglés, mais que non contribúe a contrarrestar a lentitude da que adoece a primeira parte.

Por sorte, a peza despega na segunda metade, en grande medida grazas á aparición da música, hortera e cursi adrede (espazo sonoro de Juan Hernández), e á creación dun mundo ironicamente rosa que lle aporta a peza o ritmo que precisaba. Coa aparición do espello chegamos a un lugar cheo de símbolos que se cadra poderían ter dado algo máis de si. En todo caso, certo gusto camp envolve o escenario nunha atmosfera de gomiña de mascar caducada a través da cal chegamos á enunciación de coñecidas letras de cancións pop que, polo mero feito de seren recitadas, chaman a atención sobre a súa propia misoxinia.
A obra acada o que procura cando é máis fiel a si mesma, é dicir, cando fai prevalecer o aspecto visual e sensitivo sobre o verbal e conceptual. O descoidado aspecto do espazo escénico non axuda a conseguilo. Aínda que sería inxusto dicir que cada metade favorece un hemisferio, xa que o conceptual está sempre apoiado polo seu subliñado teatral correspondente, o certo é que un equilibrio entre os dous polos tería contribuído a afianzar o que a obra quere transmitir.
Paradoxalmente, o remate da peza dá paso ao máis novidoso da mesma: un documental entrañable (Manu Paz) sobre o proceso de creación de Paper Dolls no que se lle dá o protagonismo á directora e que, alén do seu interese como testemuño do esforzo que comporta a realización de calquera proxecto teatral, deixa unha dúbida (ou un medo?) sobre a facilidade da arte da montaxe de fotogramas para chegar dunha maneira máis fluída có teatro alí onde se propoña, por moi lamacento e incómodo que sexa este lugar.

jueves, 8 de marzo de 2012

Novas datas Xira Inversa // Nuevas Fechas Gira Inversa

 GALEGO:

PRÓXIMAS FUNCIÓNS:

KAMOURASKA:
23, 24 e 25 de Marzo do 2012- Sala Arte Livre de Vigo ás 21:00 h. (Sábado 24 ás 21:30h)
EXPOSTAS + KAMOURASKA:
Festival Aveiro Cultura 2012- do 1 ó 10 de Abril. Aveiro- Portugal
KAMOURASKA:
Mostra Latino Americana de Teatro de Grupo de São Paulo- do 24 ó 30 de Abril. São Paulo- Brasil
PAPER DOLLS:
Festival de Teatro Contemporáneo Zaragoza-Co. 5 e 6 de Maio. Teatro de la Estación- Zaragoza



CASTELLANO:

PRÓXIMAS FUNCIONES:

KAMOURASKA:
23, 24 Y 25 de Marzo de 2012- Sala Arte Livre de Vigo a las 21:00 h. (Sábado 24 a las 21:30h)
EXPOSTAS + KAMOURASKA:
Festival Aveiro Cultura 2012- del 1 al 10 de Abril. Aveiro- Portugal
KAMOURASKA:
Mostra Latino Americana de Teatro de Grupo de São Paulo- del 24 al 30 de Abril. São Paulo- Brasil
PAPER DOLLS:
Festival de Teatro Contemporáneo Zaragoza-Co. 5 y 6 de Mayo. Teatro de la Estación- Zaragoza

Inversa en ZigZag Diario

Entrevista a Marta Pérez en el programa cultural de la Televisón de Galicia  ZigZag Diario el viernes 2 de Marzo de 2012.
http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/zigzag-diario-02-03-2012-1

Y también Paper Dolls en el mismo programa el viernes 17 de Febrero de 2012
http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/zigzag-diario-17-02-2012