viernes, 9 de marzo de 2012

Nova Crítica para Paper Dolls

Paper Dolls recibe unha nova crítica no xornal Praza Pública. Por Roi Vidal.

Bonecas de papel, cousas de mulleres e un humor que doe

Paper Dolls
Inversa Teatro
Dir: Lola Correa
Int: Vanesa Sotelo, Marta Pérez
As últimas tempadas están a confirmar a forza creativa e renovadora das propostas femininas. Se co final de Matarile se pechaba unha etapa na que Ana Vallés rivalizaba no estético con Ánxeles Cuña, hoxe o número de compañías capitaneadas por mulleres é considerable e decanta o teatro en feminino á tendencia máis anovadora do noso teatro (o posdrama), e viceversa.
Paper Dolls comeza cunha actriz limpando o patio de butacas e esta intención hixiénica vai ser do máis valioso da representación. A obra, que se propón deconstruír algúns tópicos sobre o feminino, serve para limpar unha serie de inercias ideolóxicas respecto do lugar que ocupan as mulleres na sociedade. A base de sketches e cun código herdeiro do conceptual art e da performance, Vanesa Sotelo e Marta Pérez van deitando, con crueis doses dun humor próximo á sátira social, as súas visións críticas sobre os roles femininos na sociedade de consumo. Destaca, neste ataque, a efectividade dun momento da representación, no que as dúas actrices se enlean nun combate de boxeo mentres destripan as intencións ocultas da publicidade dirixida ás mulleres. O momento condensa toda a obra dentro de si, coa violencia e a estilización en plena loita dialéctica.
A referencia á cultura popular (a urbana, é dicir, a creada por e para os mass media) sérvelles como áncora desde a que lanzar as súas verdades coma puños. Os corpos das actrices sométense a un duro traballo de descomposición que evoca a materialidade das bonecas ás que fai referencia o título, e de paso, provoca un forte efecto de distanciamento. Pérez destaca na súa maneira, única e maliciosa, de dicir as frases, mentres que Sotelo se confirma como unha auténtica controladora do movemento. O estilo interpretativo, porén, a camiño entre a biomecánica máis estilizada e o surrealismo máis liberador, non acaba de casar coa xa típica fórmula segundo a cal temos que pensar que desaparecen as personaxes sempre que as actrices se chamen polo seu nome real. Deixando a un lado o debate sobre a posibilidade de eliminar o personaxe-ficción do teatro, o certo é que non acaban de conseguir o que dito recurso pretende, que non é outra cousa que causar a impresión de non estaren a actuar. Demostran, así, que non é tan doado iso de se representaren a si mesmas.
É de destacar o traballo que efectúa Lola Correa cos corpos e o espazo a partir da idea do espello, concepto que domina toda a produción, desde o cartel até a escenografía, e que ten a súa tradución teatral máis interesante no xogo de simetrías establecido entre Sotelo e Pérez. Correa divide a peza en dúas metades, da que a primeira sae claramente desfavorecida ao estar condensada nela toda a carga textual. Esta primeira metade vai contrapunteada pola lectura dun arcaico manual técnico sobre o órgano reprodutor feminino e os seus adecuados usos, cousa que celebramos desde un sentido do humor cerebral e inglés, mais que non contribúe a contrarrestar a lentitude da que adoece a primeira parte.

Por sorte, a peza despega na segunda metade, en grande medida grazas á aparición da música, hortera e cursi adrede (espazo sonoro de Juan Hernández), e á creación dun mundo ironicamente rosa que lle aporta a peza o ritmo que precisaba. Coa aparición do espello chegamos a un lugar cheo de símbolos que se cadra poderían ter dado algo máis de si. En todo caso, certo gusto camp envolve o escenario nunha atmosfera de gomiña de mascar caducada a través da cal chegamos á enunciación de coñecidas letras de cancións pop que, polo mero feito de seren recitadas, chaman a atención sobre a súa propia misoxinia.
A obra acada o que procura cando é máis fiel a si mesma, é dicir, cando fai prevalecer o aspecto visual e sensitivo sobre o verbal e conceptual. O descoidado aspecto do espazo escénico non axuda a conseguilo. Aínda que sería inxusto dicir que cada metade favorece un hemisferio, xa que o conceptual está sempre apoiado polo seu subliñado teatral correspondente, o certo é que un equilibrio entre os dous polos tería contribuído a afianzar o que a obra quere transmitir.
Paradoxalmente, o remate da peza dá paso ao máis novidoso da mesma: un documental entrañable (Manu Paz) sobre o proceso de creación de Paper Dolls no que se lle dá o protagonismo á directora e que, alén do seu interese como testemuño do esforzo que comporta a realización de calquera proxecto teatral, deixa unha dúbida (ou un medo?) sobre a facilidade da arte da montaxe de fotogramas para chegar dunha maneira máis fluída có teatro alí onde se propoña, por moi lamacento e incómodo que sexa este lugar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario