miércoles, 9 de diciembre de 2009

Inversa Teatro


Inversa Teatro créase no 2009 e naceu do desexo de colaborar con persoas que proveñen de diversos campos artísticos: artes escénicas, audiovisual e música. Expostas, o noso primeiro espectáculo, foi froito dun proceso de creación colectiva. O texto é unha creación das catro actrices coordinado e definido dramaturxicamente polo seu director. É un texto escrito en feminino, xa que discrepamos da suposta neutralidade da linguaxe que sempre invisibiliza un dos dous xéneros. Quixemos que fose unha exposición honesta, das nosas propias experiencias, tentando non ocultar nada dos nosos pensamentos para explorar os límites da intimidade. A idea principal que tratamos é como agroman as miserias humanas cando estamos constantemente expostas ante a ollada do outro, analizando a fina liña que separa as conductas “normais” das “anormais”. No plano estético e formal empregamos o recurso da simultaneidade de escenas e textos; no propio escenario ou a través do audiovisual. Precisamente, quixemos que este non fose un mero recurso puntual, senón que a súa presenza fose parte intrínseca do espectáculo; as actrices e o actor buscan sempre a organicidade á hora de manipular a cámara xerando múltiples focos de atención. O video forma parte da obra de principio a fin creando non só a simultaneidade senón a duplicidade de accións escénicas, a cámara crea outro punto de vista permanentemente. A música e o son tamén tiveron un tratamento diferente. Son os intérpretes os que xeran, manipulan e interaccionan coas atmósferas e efectos sonoros a través dun dispositivo táctil que posibilita, que sen ser músicos ou técnicos, poidan xogar con estos elementos, añadindo un factor aleatorio e sempre cambiante.





No hay comentarios:

Publicar un comentario